Na semana do 5 ao 9 de outubro de 2020, o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación da materia Ensino e Aprendizaxe  da Medida, Probabilidade e Estatística realizou unha práctica de campo na Praza da Quintana de Santiago de Compostela. A saída tiña por obxectivo aprender a estimar o aforo dun determinado recinto e desenvolver un sentido crítico que permita valorar a veracidade de certos datos presentes na información que recibimos. A actividade organizouse a partir da lectura dunha nova relacionada cun evento multitudinario realizado na Praza da Quintana, co fin de saber se os datos proporcionados na noticia eran plausibles, ante a evidencia de que moitas veces os datos numéricos que proporcionan os medios de comunicación están tan lonxe da realidade que nin sequera poden ser certos.