LABORATORIO DE APRENDIZAXE DA MEDIDA

Durante o curso 2020/21 na Facultade de Ciencias da Educación fomos ao laboratorio de ciencias para aprender a ensinar a medida medindo… O alumnado da materia Ensino e Aprendizaxe da Medida, Probabilidade e Estatística tivo que deseñar actividades de aula para traballar en educación primaria as magnitudes e a súa medida, na idea de que adquiriran ferramentas que lles permitan abordar este proceso dun xeito adecuado, botando man de todo o material dispoñible no laboratorio… e da súa creatividade.

Cada grupo de traballo (4-5 persoas) tiña que deseñar -para unha magnitude en particular (lonxitude, área, capacidade, masa ou tempo)- unha serie de actividades que permitiran desenvolver cada unha das nomeadas fases, previamente introducidas nas clases teóricas da materia: percepción, comparación, conservación, uso de referentes e uso do sistema.

Unha vez elaborados os deseños, os grupos presentaron as súas actividades a modo de role play, para dar paso a continuación a un debate no que se analizaron os acertos ou carencias de cada secuencia.